Na Coruña había un río que se chamaba Monelos, un río que hoxe está practicamente esquecido. Do seu paso queda unha escultura nunha rotonda, unha rúa que leva o seu nome, dúas pontes (unha visible baixo a Avenida de Oza e outra sepultada pero intacta baixo a rotonda de Novos Ministerios) e algunhas fotos vellas.
O caudal do río Monelos está formado por diferentes regos de auga. O principal nace un chisco máis para arriba do lugar da Castiñeira, rega o val de Feáns e tira cara a Mesoiro. Para salvar o desnivel, formaba, moi preto de onde hoxe se atopa o centro comercial Marineda City, unha fervenza que servía para mover as rodas dun batán ou martinete, recentemente canalizado, que lle deu nome ao lugar. O río continúa o seu percorrido por baixo do polígono de Pocomaco e segue por Someso e A Cabana ata a Ponte da Pedra, onde se xunta cos outros brazos de auga baixo a Avenida da Vedra.
O principal destes regos nace en Pastoriza, baixa por Meicende, A Grela, o Bosque, chega ata San Cristovo das Viñas e desauga no principal nas Laxes de Orro. Hai ademais outros tres afluentes importantes: un que empeza na Fontenova, pasa polas Torres Velas e desemboca no anterior á altura do Bosque; outro que vén por Elviña, dende os rueiros do Souto e do Escorial; e outro máis vén dende Eirís de Abaixo, cruza as Cernandas ata a Ponte da Pedra. O crecemento da cidade fai que hoxe moitos destes regos estean secos, devorados polo cemento, e que por tanto que o curso principal sexa significativamente menos caudaloso. Na actualidade, a partir da Ponte da Pedra, o río desaparece definitivamente convertido en sumidoiro polos barrios de Elviña, Monelos e A Gaiteira ata desembocar en San Diego.
A cunca do Monelos ten un papel protagónico no desenvolvemento do transporte na Coruña. Aínda que no ano 1776 atopamos un expediente de expropiación que nos fala da primeira desviación do seu curso, acción que máis fixo mudar o espazo atravesado polo río foi a construción do polígono de Elviña ao longo dos anos 60 do pasado século e a a destrución do vello núcleo de Monelos.
Nun documento rexistrado no arquivo do Colexio de Notarios da Coruña atopamos un expediente de expropiación que nos fala da primeira desviación do curso do río Monelos, por mor da ampliación dos arsenais dos Correos Marítimos na zona da Palloza. É o 12 de xullo de 1776, e un certo José Jaspe comparece para manifestar que «con motivo de las obras proyectadas de cuenta de la Real Renta de Correos y traslación del río Puente Gaiteiro, se han tomado por cuenta de Su Majestad, como preciso diferentes terreno de que se hizo tasa y regulación«. Esta será a primeira intervención importante dunha longa serie no curso do río Monelos.
A cunca do Monelos ten un papel protagónico no desenvolvemento do transporte na Coruña, e non só pola obxectiva importancia dos peiraos de San Diego. O ferrocarril chegou á cidade no ano 1883, e tivo a súa primeira estación (a estación do Norte) nos lugares que hoxe ocupa a estación de autobuses. Ese treito foi probablemente o primeiro en ser soterrado, para evitar a liña do ferrocarril.
Pero probablemente a acción que máis fixo mudar o espazo atravesado polo río foi a construción do polígono de Elviña ao longo dos anos 60 do pasado século, a destrución do vello núcleo de Monelos e o soterramento do río no lugar que fora cabeza do Concello de Oza ata a súa anexión pola Coruña en 1912.
Dende aquela sucedéronse diferentes intervencións que contribuíron a facer desaparecer definitivamente o río, como a construción do Corte Inglés na zona da Cubela nos anos 80 ou, por sinalar a última de todas elas, a que soterrou o río na zona do Martinete en 2004.